Categorías
Educación Vigo

10 ILUSTRADORES PARTICIPAN NA EXPOSICIÓN “SOÑOS ILUSTRADOS” QUE SE INAUGURA ESTE VENRES NA ESCOLA DE ARTES E OFICIOS DE VIGO

Despois do éxito acadado coa exhibición de “Proxecto apertura” que inaugurou a nova sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo –-o “Espazo EMAO"–, ábrese unha nova mostra da man dos mellores ilustradores que teñen publicado na recoñecida editorial Kalandraka. 
Ramón Trigo, Marc Taeger, David Pintor, Pablo Otero, Óscar Villán, Federico Fernández, Alicia Suárez, Juan Rivas, Francisco Pérez Porto e Kiko Da Silva son os dez ilustradores que participan na exposición “Soños Ilustrados: Kalandraka, 12 anos de álbum galego”, que se pode visitar no Espazo EMAO da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo a partir deste venres, 15 de abril, e ata o 10 de xuño. A mostra reúne -por primeira vez en Vigo- un grupo de ilustracións e traballos pertencentes a unha vintena de álbums editados por Kalandraka.
As obras abarcan unha ampla variedade de estilos e disciplinas artísticas: desde obra pictórica, ata cerámica, pasando por banda deseñada, collage ou figuras tridimensionais. Os comisarios da exposición, Federico Fernández e Miguel Vázquez, destacaron que esta mostra, aberta non só ao alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios, senón tamén ao público en xeral, pretende “elevar a ilustración infantil, unha modalidade que nos últimos anos acadou unha notable importancia, á categoría de ARTE en letras maiúsculas”. 
O Espazo EMAO abre as súas portas de martes a sábados entre as 19:00 e as 21:00 horas para compartir estes traballos artísticos. Dende o pasado mes de xaneiro, a sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios é un lugar aberto a toda a cidadanía viguesa para a difusión da cultura e da creación, en forma de coidadas obras artesás e artísticas. A oferta expositiva do Espazo EMAO complementa a faceta académica e formativa desta Escola centenaria, na que se se imparten clases de artesanía do coiro, encaixe de palillos, moda e confección, ourivaría, pintura, debuxo, volume e modelado, escultura e talla en madeira, cerámica artística, encadernación, serigrafía, clases de construcción de zanfona, gaita e luthería antiga. 
Coa colaboración de Espazo EMAO
Máis info:
– nota de prensa
– tarxeta "Soños Ilustrados"