Benvida da presidenta

A PRESIDENTA DO CEMV.- Olga Alonso Suárez

Como Concelleira de Educación e Presidenta do Consello Escolar Municipal de Vigo (CEMV) doulles a benvida á web deste órgano colexiado de participación e consulta en materia educativa no ámbito municipal no que está representada toda a Comunidade Educativa da cidade: docentes, alumnado e familias e representantes do sector social da cidade.

Nesta ferramenta web encontrarán información relativa ao órgano e ás actuacións que leva a cabo. Asemade, a través deste portal, poderán contactar con nós e manifestarnos todas as dúbidas e inquedanzas que teñan respecto á educación no noso Concello.

O Concello de Vigo está totalmente comprometido coa educación como queda patente nas distintas iniciativas que desenvolve neste eido: Rede de Escolas Infantís Municipais de 1ª etapa (0-3 anos), Escolas Infantís de Ensinanza non regrada (EM Música, EM Teatro, EM Danza, EM Música Folk e Tradicional E-TRAD, Escola Municipal de Artes e Oficios EMAO), Programa Educativo de Inmersión Linguística “Vigo en Inglés”, Programa de Educación Básica de Persoas Adultas, Programa Educativo de utilización didáctica da cidade “Vigo Educa”, Programa educativo “Visita o Teu Concello”, Programa Educativo “Vigohistoria”, Concertos didácticos “Música coa Escola”, Xornadas Municipais de Teatro Escolar …

Desde o Consello Escolar Municipal de Vigo traballamos pola educación dos nosos menores a través do diálogo de todos os actores que integran a comunidade educativa, achegando posturas e apostando por conseguir entre todos e todas un clima de convivencia en todos os ámbitos. Para que esta tarefa se leve a cabo con éxito, cómpre sumar vontades e compartir responsabilidades, implicando a toda a sociedade.

Partindo deste principio de convivencia, o CEMV establécese coma foro de reflexión e debate, o lugar de encontro das ideas, das iniciativas e das propostas de mellora e cambio da política educativa.

Tentamos traballar na procura de defender un ensino público de calidade, como vía para garantir unha sociedade cohesionada, formada e preparada para os retos do presente e do futuro. Na educación de hoxe dos nosos fillos e fillas atoparemos o seu éxito do mañá, dado que o futuro da nosa cidade está nas súas mans.

Na educación está o noso compromiso a través deste CEMV. Moitas grazas a todos e todas polo voso traballo, esforzo e implicación.

Vigo, 11 de setembro de 2023


A PRESIDENTA DO CEMV
Olga Alonso Suárez