Categorías
CEMV

Resumo das Xornadas Municipais de Orientación Escolar

Preto de 500 alumnos/as de sete centros da cidade de Vigo achegáronse o pasado martes 13 de xuño ao Auditorio Mar de Vigo para participar nas Xornadas Municipais de Orientación Escolar, organizadas conxuntamente pola Comisión Pedagóxica e de Innovación Educativa e pola Comisión do Alumnado do Consello Escolar Municipal de Vigo.

A xornada foi inaugurada polo Alcalde da cidade que non dubidou en falarlle ao alumnado da súa experiencia vital como estudante, animándoos na busca do seu camiño profesional. A seguir interveu Joel Covelo, Presidente da Comisión do Alumnado do CEMV, que aproveitou para chamar aos seus compañeiros e compañeiras á participación nas diferentes institucións, valéndose dos distintos mecanismos que existen para facela efectiva. Ademais, aproveitou para pórse á súa disposición como representante do alumnado neste órgano colexiado.

Tras isto, Antonio Vázquez, Vicepresidente do CEMV, presentou aos diferentes relatores.

Mª Ángeles Cortés de Dios, Diplomada en Educación Social  pola Universidade de Vigo e Licenciada en Psicopedagoxía pola Universidad Oberta de Catalunya, foi a encargada de abrir as Xornadas coa charla Xestión do talento. Partindo das premisas de que “todos temos un talento, simplemente hai que topalo” e de que “o talento que non se cultiva, pérdese”, a relatora convidou ao alumnado a afondar na busca de cales son os seus intereses, habilidades e motivacións para, a partir de aí, comezar a dirixir a súa carreira profesional.

A segunda intervención correu a cargo de Daniel Veiga Martínez, orientador educativo desde 1994 que actualmente traballa no IES García Barbón de Verín e que ten unha ampla traxectoria en TIC aplicadas á orientación educativa. Durante as Xornadas presentou o blog https://consellosentreestudantes.blogspot.com/, unha completísima ferramenta creada por el mesmo para axudar na autoorientación do alumnado da ESO e Bacharelato.  

As xornadas remataron coa motivadora intervención de Raquel Pedrouso, facilitadora de procesos de aprendizaxes, motivadora e coach executivo. A motivación é o teu futuro foi o título escollido por esta Diplomada en Educación Social  pola Universidade de Vigo e Licenciada en Psicopedagoxía pola Universidad Oberta de Catalunya. A través dunha serie de dinámicas grupais levou ao alumnado presente a reflexionar sobre o futuro académico, profesional e vital desde o optimismo.