Categorías
Educación Vigo

O Pleno do Consello Escolar Municipal de Vigo celebra a primeira sesión do curso escolar 2018-2019

O pasado 22 de novembro  reuniuse no Salón de Actos do Instituto Municipal de Educación (IME) en sesión plenaria, o Consello Escolar Municipal de Vigo (CEMV) formado por representantes elixidos de todos os sectores da educación -administracións públicas, ANPAs, profesorado, alumnado, entidades veciñais, empresarios, sindicatos e asociacións vinculadas ao mundo do ensino. Presidiu esta sesión plenaria a Concelleira delegada de educación Olga Alonso Suárez, que aproveitou a ocasión para transmitirlles aos presentes o total compromiso que o Concello de Vigo ten co ensino e a intención desta Concellería de Educación de seguir traballando e apostando decididamente na procura da mellora da calidade do ensino.

Entre os acordos que se adoptaron nesta sesión cabe salientar os seguintes:

  • Aprobar a Memoria Anual da Actividade do CEMV durante o curso 2017-2018. Esta Memoria, que se elabora ao remate de cada curso lectivo escolar por mandato estatutario, recolle cal foi a actuación do CEMV durante o curso, explicando de xeito conciso cada unha das principais actuacións levadas a cabo por este órgano colexiado.
  • Aprobar os plans de traballo anual das Comisión de Equipamentos e Planificación Educativa e Comisión Pedagóxica e de Innovación Educativa. A primeira centrará os seus esforzos na zonificación de Vigo e a segunda na celebración dunhas xornadas de Convivencia e Deporte para público escolar que se celebrarán no mes de febreiro de 2019. 
  • Aprobar por maioría de votos emitidos (11 votos favorables e 1 abstención) a moción de Foanpas  presentada a través da Comisión Pedagóxica e de Innovación Educativa sobre a adopción das medidas oportunas para garantir unha educación inclusiva e de calidade, na que se dea resposta ás necesidades de todo o alumnado e na poña en valor a labor dos/as docentes
  • Aprobar por maioría de votos emitidos (11 votos favorables e 1 abstención) a moción de Santiago Rodríguez Sánchez, Conselleiro polo sector docente CIG-E presentada a través da Comisión de Equipamentos e Planificación Educativa sobre a necesidade dunha nova proposta de zonificación que responda aos intereses e necesidades de Vigo.
  • Aprobar por maioría de votos emitidos (11 votos favorables e 1 abstención) as mocións de Foanpas presentadas a través da Comisión de Equipamentos e Planificación Educativa solicitando que se inste á Consellería de Educación a adecuar a oferta de formación profesional á demanda e se amplíe naqueles ciclos que sexa preciso e que se acondicionen  as instalacións dos centros de ensino para que a temperatura que se acade nas aulas permita desenvolver a actividade educativa con normalidade.
  • Aprobar por unanimidade a moción de Foanpas presentada a través da Comisión de Equipamentos e Planificación Educativa sobre a necesidade dunha actuación integral no entorno da zona do Berbés-Torrecedeira,  co fin de reparar a situación que se leva dando os últimos anos e que está a afectar á convivencia na zona, así como a repercusión que ten na imaxe da cidade.
  • Aprobar por unanimidade a moción de Foanpas presentada a través da Comisión de Equipamentos e Planificación Educativa sobre a necesidade dunha actuación integral no entorno da zona do Berbés-Torrecedeira,  co fin de reparar a situación que se leva dando os últimos anos e que está a afectar á convivencia na zona, así como a repercusión que ten na imaxe da cidade.
  • Aprobar por unanimidade as mocións de Pilar Álvarez Rey, Conselleira polo sector social, representante de directores/as de Ed. Primaria,presentada  a través da Comisión de Equipamentos e Planificación Educativa sobre o servizo de limpeza nos centros de ensino e solicitando que se aumente a dotación de Autoxestión para os centros e que veña en tempo, posto que de xaneiro a maio non teñen cartos desta partida para arranxos de mantemento nos colexios.