O paraninfo do IES Santa Irene acolleu durante os días 4 e 5 de maio con notorio éxito as Xornadas Municipais de Convivencia Escolar do CEMV
O Consello Escolar Municipal de Vigo (CEMV), que preside a Concelleira de Educación, Raquel Díaz Vázquez por Delegación do Alcalde Abel Caballero, é un lugar de encontro, un foro para a reflexión e debate da situación educativa do Municipio e para o fomento da cultura da participación e da expresión directa da cidadanía.
Un dos obxectivos que se recollen no seu regulamento é o de fomentar o respecto pola liberdade, a convivencia, a igualdade, a xustiza, o pluralismo e a normalización da lingua galega na comunidade educativa. Co fin de alcanzar este obxectivo, este órgano, a través dunha das súas comisións de traballo, a Comisión Pedagóxica e de Innovación Educativa, ven traballando desde o ano 2010 no eido da Convivencia Escolar. Unha das actuacións que desenvolveu neste campo foron as "Xornadas sobre Convivencia Escolar" que se celebraron os días 4 e 5 de maio no Paraninfo do IES Santa Irene.
Esta iniciativa didáctico-formativa converteuse nun espazo de reflexión compartida sobre a convivencia onde impulsar e dinamizar formas de participación coordinadas e programas integradores. Falouse de como actuar na prevención de situacións que dificulten a convivencia e recolléronse boas prácticas sobre convivencia que de forma non visible se están levando a cabo en distintos centros e institucións.
O programa das xornadas inaugurouse coa conferencia de Javier Urra, doutor en Psicoloxía e pedagogo terapeuta que leva dedicada gran parte da súa carreira profesional aos mozos conflitivos e á infancia. Este profesional de recoñecido prestixio foi o primeiro Defensor do Menor e o Presidente da Rede Europea de Defensores do Menor. É ademais psicólogo en excedencia voluntaria na Fiscalía do Tribunal Superior de Justicia e Juzgados de Menores de Madrid e ademais ostenta diferentes cargos coma o de Patrón da Fundación Pequeno Desexo ou Presidente da Comisión Deontolóxica do Colexio Oficial de Psicólogos de Madrid. Conta no seu haber con prestixiosos premios, é conferenciante habitual en foros nacionais e internacionais e é autor de diversos libros como Educar con sentido común, ¿Qué ocultan nuestros hijos?¿Qué callan los padres? ou El Pequeño Dictador. Cuando los padres son las Víctimas.
Durante as Xornadas houbo tamén tempo dedicado ao intercambio de experiencias no eido da convivencia. Así lembrouse o programa municipal "Aprender a Convivir" e a repercusión que tivo para a comunidade educativa do Concello de Vigo. Asemade, representantes de diferentes centros educativos e entidades amosaron as experiencias que están a desenvolver na actualidade nesta materia.
O contido do programa que promoveu a Comisión Pedagóxica e de Innovación Educativa do CEMV, rematou cunha mesa redonda na que se fixo partícipe aos asistentes a través dunha dinámica grupal. Esta actividade converteuse nun foro de discusión no que diferentes entidades e axentes sociais debateron sobre cal sería punto de arranque para un futuro Plan de Convivencia Municipal.
A Comisión Pedagóxica e de Innovación Educativa agradece a todas as persoas que participaron activamente no desenvolvemento das xornadas así como a todos os asistentes que responderon positivamente a esta convocatoria.
Nos próximos días poderanse consultar nesta mesma web todos os materiais resultantes desta actividade.