Categorías
Educación Vigo

Educación do Concello de Vigo abre o prazo de convocatoria para a participación no programa de inmersión en lingua inglesa (PILIVIGO 2011)


Esta iniciativa didáctica ten como obxectivo primordial ofrecer ao alumnado de 3º de ESO dos centros educativos sostidos con fondos públicos da nosa cidade a oportunidade de mergullarse na lingua e cultura británicas e aprender nas escolas locais en réxime de integración co alumnado nativo.

 

A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria do 25 de Febreiro de 2011, aprobou as “Bases e Convocatoria para a adxudicación de prazas para a participación no Programa de Inmersión en Lingua Inglesa (PILIVIGO 2011)".  Logo dos positivos resultados acadados polo Programa de Inmersión en Lingua Inglesa PILIVIGO nas anteriores edicións, esta iniciativa didáctica tentará seguir promovendo a mellora da capacitación en lingua inglesa, dentro do marco do programa educativo municipal "Aulas Internacionais".

Dito programa, destinado a alumnado de 3º de ESO de centros educativos sostidos con fondos públicos de Vigo, contará cun máximo de 290 prazas para realizar estadías de tres semanas en Irlanda ou o Reino Unido en réxime de inmersión lingüística. As viaxes teñen previsto comenzar na primeira quincena de setembro, de xeito que poidan empezar o curso escolar nos centros británicos, e a estadía rematará como moi tarde na primeira semana de outubro.

As prazas inclúen o importe da matrícula no programa lectivo e o material necesario para completalo, así como os custos de aloxamento en familias anfitrioas en réxime de pensión completa, gastos derivados da organización de actividades extraescolares e lecer e visitas didácticas a centros de interese do país de acollida (que desenvolveranse en inglés e guiadas por monitorado bilingüe), importe das viaxes de ida de volta, transporte urbano ata o centro de ensino de integración asignado, e seguros de viaxe e responsabilidade,

As persoas interesadas poden consultar as referidas bases na páxina web do programa PILI (http://www.pilivigo.org), onde disporán da información necesaria para a presentación da solicitude de participación. A documentación para a tramitación de solicitudes deberá presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, ben directamente, ben polos procedementos legalmente establecidos. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 14 de marzo ata o 06 de abril, ambos inclusive.