Categorías
Educación Vigo

Reunión do Pleno do Consello Escolar Municipal de Vigo, do 27 de outubro de 2010

O Consello Escolar Municipal de Vigo, en sesión plenaria do 27 de outubro de 2010, aprobou os plans de traballo das súas comisións Pedagóxica e de Planificación Educativa e acordou apoiar o proxecto de Escola Municipal de Música e Artes Escénicas (EMMA), de unificación das Escolas Municipais destas disciplinas.

 

 

Este mércores, 27 de outubro de 2010 tivo lugar, coa práctica totalidade dos seus conselleiros presentes, un novo Pleno do Consello Escolar Municipal de Vigo (CEMV), formado por representantes elixidos de tódolos sectores da educación –administracións públicas, ANPAs, profesorado, alumnado, entidades veciñais, empresarios/as, sindicatos e asociacións vencelladas ao mundo do ensino-.

 

Tras unha  exposición inicial da Concelleira delegada de Educación e Presidenta do CEMV sobre a problemática educativa da cidade e as actuacións municipais en materia educativa desenvolvidas dende a anterior sesión plenaria, debatíuse a orde do día prevista:

 

  • Aprobouse a Memoria Anual de Actividades 2009-2010, e os Plans de Traballo das dúas Comisións existentes.
  • A Memoria Anual recolle de xeito pormenorizado toda a información sobre o proceso constitutivo e inicio da actividade desta nova etapa do órgano de participación da comunidade educativa en Vigo, dende o mes de maio de 2010.
  • O Plan de traballo da Comisión Pedagóxica e de Innovación Educativa centra os seus esforzos na mellora da convivencia escolar, a través dunha análise exhaustiva dos programas existentes para abordar tres temáticas: absentismo escolar, inclusión social e cidadanía, para suxerir un Plan de Convivencia Escolar Municipal 2011-2012. Propoñen tamén un Concurso de Boas Prácticas en Convivencia Escolar, para que os centros educativos poidan dar a coñecer os proxectos que están levando a cabo, a través da web do CEMV (cemv.vigo.org).
  • A Comisión de Equipamentos e de Planificación Educativa,  consciente da inadecuación da actual zonificación escolar de Vigo, que provoca grandes distorsións no proceso de escolarización, insiste na necesidade de realizar o Mapa Escolar de Vigo, adecuándoo ás necesidades socioeducativas actuais. Asemade, recolle a necesidade de planificación e mellora das infraestruturas dos centros escolares da cidade, mediante a actualización continuada do diagnóstico sobre o seu estado físico e a planificación das intervencións. No Plan de Traballo desta Comisión faise tamén especial referencia ao tratamento da problemática derivada dos comedores escolares e as instalacións deportivas dos centros de ensino públicos. A Comisión traballará asemade en conquerir da administración pública a solución axeitada a problemas urxentes de escolarización, como o caso do Colexio Altamar e outros que precisan dunha rápida actuación para mellorar as condicións nas que se atopan escolarizado o alumnado.
  • Por outra banda, o CEMV aprobou por unanimidade a proposta presentada polo conselleiro que representa ás ensinanzas artísticas, para que se respalde o Proxecto de Escolas Municipais de Música e Artes Escénicas (EMMA), que vén a significar a constitución organizativa e física dun único espazo de xestión e desenvolvemento de actividades das  escolas municipais de Música, Música Tradicional e Folk (E-trad), Teatro e Danza. Proponse explicitamente a utilización, tras a execución do proxecto arquitectónico elaborado polo Concello de Vigo, da estructura edificada ao carón do Colexio Público “Doutor Fléming” actualmente sen uso.
  • Respecto do punto sobre a situación actual da nova construción do Ceip Altamar, e do comedor do Ceip Illas Cíes, expúxose unha relación de escritos e respostas intercambiados entre a administración local e a administración autonómica, na que quedou constatados os diferentes criterios e argumentos que provocan  a falta de acordos explícitos para dar axeitada resposta a estas necesidades educativas. A conclusión á que se chegou no CEMV é que se deben facer todos os esforzos precisos no exercizo das competencias das administracións para a procura dunha pronta solución.
A próxima xuntanza do Pleno estímase para principios do ano que vén.