Categorías
Educación Vigo

O Consello Escolar Municipal de Vigo reuniuse o 3 de novembro en sesión plenaria

O 3 de novembro de 2011 reuniuse no Salón de Actos do Instituto Municipal de Educación (IME) en sesión plenaria, o Consello Escolar Municipal de Vigo (CEMV) formado por representantes elixidos de todos os sectores da educación -administracións públicas, ANPAs, profesorado, alumnado, entidades veciñais, empresarios, sindicatos e asociacións vinculadas ao mundo do ensino. Presidiu por primeira vez esta sesión plenaria a Concelleira delegada de educación Raquel Díaz Vázquez, que aproveitou a ocasión para transmitirlles aos presentes o total compromiso que o Concello de Vigo ten co ensino e a intención desta Concellería de Educación de seguir traballando e apostando decididamente na procura da mellora da calidade do ensino. Igualmente desexou que este órgano colexiado poda despregar toda a actividade que potencialmente ten, dado que isto será un factor importante na recuperación social do feito educativo.

Entre os acordos que se adoptaron nesta sesión cabe salientar os seguintes:

  • Aprobar a moción presentada por Raquel Díaz Vázquez, Presidenta do CEMV, e emendada pola Comisión de Equipamentos e de Planificación Educativa reprobando as medidas e actuacións que a Xunta de Galicia está a poñer en práctica en detrimento do ensino e, en especial, do ensino público. Repróbase a política educativa da Xunta de Galicia, esixindo: Que cumpra os compromisos de investimentos adquiridos na nosa cidade e atenda con eficacia e de forma urxente as necesidades; Que suprima de inmediato a instrución 1/2011 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación que indica que aquel usuario de comedor que teña pendente de pago calquera cantidade deberá ser excluído do servizo non tendo dereito ao uso do mesmo; Que se derrogue a Orde de 23 de xuño de 2011 e se aumente o investimento no ensino público co horizonte do 6% do PIB; Que se promova a urxente apertura do imprescindible proceso de diálogo institucional con todos os sectores da Comunidade Educativa a través dos seus organismos representativos.
  • Aprobar a Memoria Anual da Actividade do CEMV durante o curso 2010-2011. Esta Memoria, que se elabora ao remate de cada curso lectivo escolar por mandato estatutario, recolle cal foi a actuación do CEMV durante o curso, explicando de xeito conciso cada unha das principais actuacións levadas a cabo por este órgano colexiado.
  • Organizar as Xornadas de Convivencia Escolar que terán lugar o 20 e 21 de Abril de 2012. Estas xornadas forman parte do Plan de traballo anual da Comisión Pedagóxica e de Innovación Educativa que pretende a través desta iniciativa didáctico-formativa recoller as boas prácticas e experiencias claves neste campo, que se están a desenvolver na nosa cidade.
  • Aprobar o plan de traballo anual da Comisión de Equipamentos e Planificación Educativa que incidirá en catro grandes eixos: mapa escolar, comedores escolares, instalacións deportivas e infraestruturas e mantemento. Neste senso, aprobouse retomar unha petición que se fixera no curso pasado á Universidade de Vigo solicitando asistencia técnica para elaborar o mapa escolar do Vigo.
  • Aprobar a moción presentada pola Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (Foanpas), solicitándolle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que asuma a xestión dos comedores escolares da cidade de Vigo e que leve a cabo os arranxos precisos e as medidas oportunas para adecuar os espazos aos usuarios e ás necesidades do servizo.