Categorías
Educación Vigo

O Concello leva a Reconquista ás aulas co programa VigoHistoria

 

O goberno local desenvolve unha proposta que procura transmitir aos estudantes de 5º e 6º de Primaria a historia da Reconquista de Vigo, mediante charlas, audiovisuais, unidades didácticas e unha exposición con paneis e obxectos reais da época. "Queremos transmitir nos colexios unha parte da historia de Vigo", salientou Caballero. 

O programa municipal VigoHistoria ten por obxectivo transmitir ao alumnado a historia da Reconquista de Vigo de xeito ameno e didáctico, a través de charlas-coloquio, exposicións con paneis e obxectos reais da época e a proxección de material audiovisual. Ademais, os estudantes reciben unha unidade didáctica coa que completar o seu coñecemento deste acontecemento histórico tras a conclusión da actividade. 

"Sempre queremos transmitir nos colexios de Vigo unha parte da historia de Vigo", expresou Abel Caballero, e indicou que VigoHistoria "é parte dunha actuación máis importante, que é a integración dos cidadáns de Vigo na nosa historia, no que somos e no que queremos ser". A formación sobre a Reconquista lévase adiante durante este mes, coincidindo coas datas de liberación da cidade da invasión napoleónica en 1809 e coa representación da batalla no Casco Vello. 

O Concello de Vigo realiza xornadas lectivas nun "sen fin" de centros educativos vigueses, afirmou o rexedor, con xornadas de 90 minutos por cada pase, podendo facer ata dous pases na mesma mañá e chegar así ata 200 alumnos por día.