Función consultiva:
O Consello Escolar Municipal de Vigo, de conformidade coa normativa aplicable, ha de ser consultado preceptivamente polo órgano municipal competente ou pola Administración educativa, con carácter previo á toma dos acordos, nas seguintes cuestións:
- Convenios e acordos de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou calquera outra administración pública, que afecten ao ensino dentro do ámbito municipal.
- Actuacións e normas municipais que afecten aos servizos educativos complementarios e extra-escolares con incidencia no funcionamento dos centros docentes, tales como transporte escolar, comedores, servizos de limpeza e conservación.
- Actuacións e normas municipais que afecten ou favorezan a ocupación real das prazas escolares coa finalidade de mellorar o rendemento educativo e, de ser o caso, facer efectiva a obrigatoriedade do ensino.
- Localizacións dos centros docentes dentro da demarcación municipal.
- Prioridade nos programas e actuacións municipais que afecten á conservación, vixilancia e mantemento axeitado dos centros docentes, de acordo coas competencias que a lexislación lles outorgue aos concellos en cada momento e especial atención á supresión de barreiras arquitectónicas.
- Fomento de actividades que tendan a mellorar a calidade educativa, a renovación pedagóxica, os principios da escola activa e a integración escolar, especialmente no que respecta á adaptación da programación ao medio, para chegar a unha escola democrática, científica, libre, galega e non discriminatoria.
- Competencias educativas que afecten ao ensino non universitario e que a lexislación lles outorgue aos municipios.
- Programación de investimentos en materia educativa.
- Calquera outro asunto de importancia para a vida escolar do Concello.
Función asesora:
O CEMV poderá elevar informes ou propostas á Administración educativa ou ao Concello, para o mellor funcionamento do sistema educativo e en especial sobre as seguintes materias:
- Distribución de alumnos a efectos de escolarización, tendo en conta a normativa vixente ao caso.
- Constitución de padroados, institutos municipais ou entes similares relativos á educación.
- Cuestións relativas á promoción e extensión educativa.
- Adaptación do calendario escolar ás necesidades e características socioeconómicas dos núcleos de poboación do municipio.
- A estes efectos, as propostas presentadas polos conselleiros deberán ser motivadas e precisas e presentaranse por escrito á Presidencia do CEMV, quen decidirá sobre a súa tramitación.
Demanda de información:
O CEMV Poderá solicitar información da Administración educativa e das autoridades locais sobre calquera materia relacionada coa educación no ámbito municipal e, especialmente, sobre o rendemento escolar.