Xornadas de convivencia

O Consello Escolar Municipal de Vigo, CEMV,  é un lugar de encontro, un foro para reflexión e debate da situación educativa do municipio e para o fomento da cultura da participación e da expresión directa da cidadanía.

Este órgano colexiado, consciente da necesidade de traballar a prol dunha coordinación e participación de maior calidade entre os distintos membros da comunidade educativa e os distintos axentes sociais,  a través dunha das súas comisións de traballo, a Comisión Pedagóxica e de Innovación Educativa, vén traballando desde o ano 2010 no eido da convivencia escolar, eixo temático destas xornadas.

        Neste sentido, unha das primeiras actuacións foi solicitar aos centros educativos do Concello que nos enviaran exemplos de boas prácticas que están a desenvolver en materia de convivencia. As iniciativas que chegaron ao CEMV son as seguintes: EEI Monte do AlbaEEI Rúa AragónCEIP Frián-TeisCEIP Igrexa-Candeán, CEIP Mosteiro-BembriveCEIP Pintor Laxeiro, CPR MendiñoCPR MonterreyCPR NS Esperanza e CPR Santa Cristina. Algunhas destas experiencias exporanse nas Xornadas sobre Convivencia Escolar.

Esta iniciativa didáctico-formativa está pensada para actuar na prevención de situacións que dificulten a convivencia,  para recoller as boas prácticas sobre convivencia que de forma non visible se están levando a cabo en distintos centros e institucións; é en definitiva para xerar un espazo de reflexión  compartida sobre a convivencia e impulsar e dinamizar formas de participación coordinadas e programas integradores.

Achegamos o díptico onde poderán consultar o programa así coma o cartel desta actividade. A participación nas xornadas é de balde, sendo precisa a inscrición previa. O prazo de inscrición nas xornadas será do 12 ao 26 de abril.

Para máis información  poden contactar por correo electrónico a través da dirección cemv@vigo.org.