Categorías
Educación Vigo

O Concello dedica 1.200.000 euros a obras en centros de Infantil e Primaria

 

O alcalde informou na apertura do curso escolar, das obras realizadas polo goberno municipal nos centros escolares así como da próxima cubrición de tres patios. Ademais, explicou que hai 36 centros que participan no Plan de Tráfico municipal que dá prioridade ao transporte de escolares. 

Abel Caballero visitou hoxe o Ceip A Paz Tintureira en Coruxo coincidindo co inicio do novo curso e alí deu conta da "importante acción do Concello nos centros de Infantil e Primaria": a ampliación do comedor do Ceip Sello en Cabral, a reforma dos baños do comedor do Ceip Eduardo Pondal de Sampaio e dos baños de varios centros: o Ceip Balaídos, Emilia Pardo Bazán (Chouzo), Plurilingüe Igrexa Valadares, Escultor Acuña, Santa Tegra-Teis, Canicouva-Castrelos, Lope de Vega e Seis do Nadal.     

Ademais, apuntou que o goberno municipal financiou a colocación da tarima flotante no Ceip Escultor Acuña, o pintado do patio en Doutor Fleming, o cerrado da aula matinal en Teis, obras en García Barbón, en Santa Mariña Cabral ou o arranxo da pista polideportiva en Párroco don Camilo (Comesaña), tendo pendentes de comezar as obras nos baños dos CEIP Carrasqueira-Coruxo e Carballal-Cabral. Todas estas accións supoñen un investimento municipal de máis de 500.000 euros. 


A esta cantidade cómpre engadir os 600.000 euros que o Concello destinará á cubrición dos patios dos centros Carballal de Cabral, Virxe do Rocío de Bouzas e Canicouva de Castrelos, que suman unha inversión de case 600.000 euros polo que a dedicación total a obras en educación Infantil e Primaria é de 1.200.000 euros. 

O rexedor criticou a "falta de dilixencia" da Xunta de Galicia neste ámbito o que provoca que o colexio Castelao de Navia non poida iniciar as clases ata o mércores e que obrigou ao Concello a realizar limpezas extraordinarias para que entre en funcionamento. Apuntou tamén que na escola infantil de Hernán Cortés están "reducindo persoal e liñas", nun centro polo que o Concello aboa 50.000 euros ao ano de alugueiro e reclamou que o goberno autonómico "manteña o cadro de persoal para atender aos nenos con calidade". Respecto ao transporte escolar, indicou Caballero, que a Xunta llo denegou a tres centros: Eduardo Pondal, Paraixal e Mosteiro, do que o Concello sufraga unha parte do transporte. 

Plan de tráfico en colexios 
O alcalde informou tamén da entrada en funcionamento do Plan de Tráfico nos colexios que dá prioridade de estacionamento e detención ao transporte de escolares. Nestes momentos, participan 36 centros coa previsión de "tratar de reforzalo porque algún precisan máis espazo de estacionamento e máis presenza policial para regular o tráfico" co obxectivo de seguir dando prioridade aos centros en horario de entrada e saída.