Categorías
Educación Vigo

O Concello abre o prazo de convocatoria para a adxudicación de prazas e matrícula nas escolas infantís municipais

                                        

Matrícula escolas infantís municipais VigoO período de entrega de solicitudes de renovación ou de novo ingreso para acceder ás seis escolas infantís municipais comeza o 15 de marzo e remata o 15 de abril de 2013. 

Estas escolas infantís son centros de titularidade municipal que escolarizan a nenos e nenas de 0 a 3 anos empadroados no termo municipal, e que promove o Servizo municipal de Educación do Concello de Vigo.Neste intre, a Rede de EIM está integrada por un total de seis equipamentos, que poden escolarizar aproximadamente a preto de 450 nenos/as para o vindeiro curso 2013-2014.


Os requisitos específicos para ser adxudicatario/a de praza nas EIM son os seguintes:
– que a/o nena/o teña a súa residencia en Vigo e teña nacido antes do 25 de maio de 2013
– ter unha idade mínima de tres meses na data de ingreso e non ter cumpridos 3 anos o 31 de decembro de 2013


As escolas teñen un horario continuo de 07'30 h. ás 20'00 horas e, ao longo do mesmo, os/as nenos/as permanecerán un mínimo de 4 horas e un máximo de 8 horas.

As/os interesadas/os poderán solicitar praza a través do formulario normalizado de solicitude que pode ser recollido no Servizo Municipal de Educación, nas propias EIM ou ser descargado na páxina web municipal: www.vigo.org


Estes equipamentos municipais pretenden ofrecer aos/ás cidadáns un servizo educativo para a primeira infancia desde unha dobre vertente:
– educativa, entendida como unha prestación que nace do dereito do/a neno/a á educación nun ambiente axeitado ás súas necesidades. Esta función educativa é complementaria á educación recibida no seo do propio ambiente familiar.
– asistencial, xa que ao mesmo tempo pretende ofrecer un servizo de carácter social ás familias traballadoras do municipio, mediante horarios que permitan a correcta conciliación da vida familiar e laboral.

Son obxectivos específicos da EIM:
– proporcionar ás/os nenas/os unha atención integral sen distinción de raza, nacionalidade, sexo, relixión, lingua ou condición social
– fomentar a educación baseada nos principios e valores de tolerancia, solidariedade, igualdade, coeducación, cooperación e respecto aos demais e ao contorno
– facilitar a integración progresiva dos/as nenos/as na súa cultura e no seu medio
– prestar especial atención á diversidade dos/as nenos/as, respectanto as diferenzas físicas, intelectuais ou culturais que existen entre eles/as, facilitando a súa integración 
– servir de reforzo e apoio ás familias traballadoras da cidade co fin de colaborar na conciliación da vida laboral e familiar.