O CEMV inicia nova andadura

O CEMV inicia unha nova etapa despois da aprobación do seu Regulamento de organización e funcionamento o 25 de xaneiro do presente ano, no que gaña protagonismo á participación como ferramenta fundamental para promover unha escola democrática nunha sociedade democrática.

 

Dende a Concellería de Educación temos adquirido un compromiso coa promoción dunha Política Educativa de carácter transversal, innovador e de vangarda, que sitúe a educación na axenda política da cidade, implicando aos diferentes axentes sociais que participan do sistema educativo (familias, profesorado, alumnado, administración, movementos sociais, organizacións…), nun proxecto colectivo de educación e de cidadanía democrática.

Só a través dunha Política Educativa que potencie a participación é posible fomentar a cohesión-inclusión social, o sentimento de pertenza á cidade e o avance cara unha sociedade democrática.

Participar é poder facer uso de canles, espazos e medios que se arbitran para o encontro e o diálogo. Neste sentido, dende a Concellería de Educación queremos revitalizar o Consello Escolar Municipal de Vigo, que concibimos como un órgano privilexiado de participación da comunidade educativa na cidade.

Entre as iniciativas que se desenvolveron nesta liña, cómpre resaltar o novo Regulamento de organización e funcionamento do CEMV, no que a participación é o eixo clave, e a contratación dunha asistencia técnica que dé soporte ás funcións que ten encomendadas.

Apostamos por unha idea de participación que supere a visión institucionalizada da mesma, definida por un alto nivel de formalismo, por un carácter simbólico e por unha función lexitimadora. Pola contra, pretendemos unha participación que se organiza co protagonismo de todos os membros da comunidade educativa en todo o que lle afecta. Unha participación que supere as representacións corporativas. Unha participación que faga explícitos os valores de xustiza, democracia, solidariedade e autonomía dos suxeitos. Unha participación na que o formal actúa como garantía e non como cerimonia, traballando con criterios de eficacia e utilidade.