Comeza o proceso de eleccións de alumnado do CEMV

O martes 27 de abril iniciouse o proceso de eleccións que pretende garantir a participación do alumnado no CEMV. O proceso consta de tres fases (información, presentación de candidaturas e eleccións), nas que os equipos directivos dos centros do municipio teñen un papel fundamental.

 

O CEMV é un órgano de participación cidadá do concello de Vigo, que pretende promover e mellorar a calidade da educación da cidade, para o que é imprescindible implicar e comprometer aos diferentes estamentos que interveñen na educación, entre eles, o alumnado.

A este respecto, o artigo 6 do regulamento establece a representación de catro alumnos/as elixidos polos representantes do alumnado dos consellos escolares dos centros existentes no municipio.

O proceso de eleccións establecido consta de tres fases:

  • Información aos equipos directivos e ao alumnado sobre o CEMV e o proceso de eleccións, a través dun díptico elaborado polo Servizo de Educación.
  • Presentación de candidaturas do alumnado interesado na Dirección do seu centro.
  • Celebración de eleccións, mediante voto con papeleta que se enviará nominalmente por correo postal certificado ao alumnado, e que se deberá entregar na Dirección do seu centro.

Para que  o proceso teña éxito é imprescindible a colaboración dos equipos directivos dos centros de ensino, quen teñen un papel fundamental na motivación do alumnado e na garantía de transparencia e eficiencia do proceso.